Centro Ocupacional
Centro ocupacional
Un centro ocupacional ten como finalidade asegurar os servizos de terapia ocupacional e de axuste persoal e social para que ás persoas con discapacidade poidan recibir os apoios que precisan para afrontar as esixencias da vida cotiá e do traballo.
Estes centros están especialmente dirixidos a persoas con discapacidade, maiores de 16 anos que desexen traballar nunha contorna protexida, baixo a orientación de profesionais, co fin de ir logrando un perfil de empregabilidade cada vez máis axeitado para a plena inserción laboral.
Nestes espazos de atención e formación os usuarios acceden a unha programación que lles axuda a restablecer as pautas de vida e as capacidades que puideron verse mermadas por unha doenza mental.
Unha actividade ocupacional é en realidade un conxunto de actividades ou labores que, sen participar propiamente da dinámica do mercado económico, están encamiñadas á obtención de obxectos, produtos ou servizos.
O enfoque formativo pre-laboral facilita a capacitación das persoas con discapacidade a través da realización de actividades produtivas, durante as que se presta tamén unha especial atención ao desenvolvemento físico, intelectual, social e emocional dos participantes.
Obxectivos da Formación Ocupacional
-
Fomentar o desenvolvemento persoal e a autonomía a través de actividades dirixidas especificamente a mellorar habilidades e actitudes relativas a:
- comunicación e a expresión
- control e manexo de emocións
- competencia social
- desempeño de tarefas cotiás
- toma de decisións
- saúde, hixiene e seguridade
- contidos académicos funcionáis... - Orientar aos usuarios cara aos recursos comunitarios que favorezan o seu desenvolvemento persoal, tanto a nivel educativo, coma laboral, sanitario ou de lecer.
- Favorecer a integración laboral xa sexa na empresa ordinaria ou en centros especiais de emprego
Itinerarios de inserción personalizados
O traballo nos talleres é o marco ou pretexto para abordar cos usuarios aqueles aspectos que lles dificultan unha integración efectiva. Para iso elabóranse "itinerarios de inserción personalizados" seguindo os pasos do protocolo convencional nestes centros:- Acollida, onde se explica o funcionamento do centro e investígase por medio dunha serie de fichas desde o seu currículo profesional ata as súas afeccións, deficits, obxectivos persoais, situación anímica, autoconcepto, etc.
- Orientación, unha vez analizado cada caso en particular, en colaboración co usuario, establécense fases periódicas de traballo que incidirán naqueles actitudes e destrezas que deban reforzarse para que o alumno logre os obxectivos marcados.
- Formación, ademais da formación técnica de cada oficio confírese unha gran importancia a aspectos relacionados con todo aquilo que poida ser un impedimento para a súa integración socio-laboral: inseguridade, inexperiencia, falta de constancia, déficits de concentración, atención ou memoria, impuntualidade, o nivel habilidades sociais que permitan un trato fluído con xefes e compañeiros, a tolerancia á frustración, a aceptación e formulación adecuada de críticas, a toma de decisións, etc.
Para iso aparte de incidir persoalmente de forma transversal mentres se traballa no taller, dedicamos un día á semana para incidir directamente nestes aspectos por medio de xogos, exercicios, roll-plays, ou debates.
Oferta formativa do Centro Ocupacional da Barcia
A oferta formativa do Centro Ocupacional que a Asociacion Fonte da Virxe abriu no lugar da Barcia xira fundamentalmente ao redor do taller artesanal de Encadernación. Compleméntase cun Obradoiro de Coiro e con traballos de Xardinería na contorna do centro.Os talleres están concibidos coma un simulacro de pequena empresa. Ao tempo que se aprenden as técnicas propias destes oficios, recréanse unhas condicións de traballo semellantes ás dun taller profesional, con dinámicas normalizadas, como a produción en cadea, en liña ou en círculos de calidade.
Elabóranse produtos con variedade de estilos, materiais e técnicas, con fin de motivar ao alumnado a desenvolver as súas capacidades e tamén para comprobar a viabilidade e aceptación no mercado.
Aínda que un Centro Ocupacional non está dirixido especificamente cara á comercialización, senón "a produción de obxectos, bens e servizos", a venda dos produtos en exposicións, feiras ou mercados reverte en parte como gratificación directa para os usuarios do taller e supón unha compensación tanto económica coma emocional que contribue a incentivar a sua motivación ao ver recoñecido o resultado do seu traballo.
A programación do Centro Ocupacional inclue tamén visitas didácticas a talleres artesáns, empresas ou exposicións que permiten observar as dinámicas de traballo en espazos de produción ordinarios cos que se mantén unha certa afinidade.
Sempre que o consideran oportuno, os formadores incentivan aos usuarios a continuar a sua aprendizaxe nun contexto laboral ou noutros centros de formación regrada. Nestes casos, desde o Centro Ocupacional acompáñase o proceso e mantense unha supervisión e seguemento, con disponibilidade para a intermediación ou para un apoio regular ou puntual se fose preciso.