A nosa historia
A Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais constituíuse en xullo de 1994 co fin de promover servizos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental.
Foi impulsada por familiares de persoas cun trastorno de saúde mental e profesionais sanitarios do Hospital Psiquiátrico de Conxo para cubrir a carencia de recursos coa que se empezaba a implantar un novo modelo de atención sanitaria en psiquiatría.
Atención integral
Seguindo as pautas do modelo sociosanitario, nestas tres décadas, a entidade foi abrindo espazos de apoio e asesoramento e poñendo en marcha programas ocupacionais e de rehabilitación.Cada servizo organiza as dinámicas de participación das persoas usuarias desde unha visión integral e personalizada, para mellorar a súa calidade de vida e potenciar a súa autonomía dentro da comunidade.
Inclusión contra os estigmas
As actuacións dirixidas ás familias e os centros de ensino son tamén prioritarias porque reforzan os obxectivos fundacionais: a visibilización dos problemas de saúde mental, a eliminación das barreiras sociocomunitarias e a erradicación do estigma asociado aos trastornos mentais.En suma, o fin primordial da Asociación Fonte da Virxe é a defensa dos intereses e dereitos das persoas con problemas de saúde mental para garantir a súa inclusión social. Este principio fundamental vincúlanos con todas as entidades do Terceiro Sector, pero de maneira especial co tecido asociativo de Saúde Mental do que formamos parte a través de FEAFES Galicia e da Confederación Salud Mental España.